Novas de interese - Terra de Outes


Detalle da nova:

VI MUIÑADA

     Xoan Mariño      13/09/2014

VI MUIÑADA
Os días 29, 30 e 31 de agosto celebrouse a VI Muiñada de Terra de Outes, unhas xornadas culturais que que a nosa Asociación ven convocando desde o ano 2007, que nesta ocasión xiraron en torno á botadura de dúas embarcacións tradicionais –un bote de Noia e unha buceta de Muros– doadas a Terra de Outes pola Consellería do Medio Rural e o Mar o pasado mes de agosto.
Así, no Centro Náutico Municipal do Freixo tiveron lugar a inauguración dunha exposición de fotos tomadas durante “O XI encontro de embarcacións tradicionais de Galicia” e varias charlas de temática mariñeira: O patrimonio marítimo galego, a cargo de Víctor Fernández, membro da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial; Os escritores galegos do mar, polo escritor Francisco Fdez. Naval; A formación en carpintaría de ribeira no Estado español, por Enrique Otero, director do Centro de Formación "A Aixola", na que se contruíron as nosas embarcacións; e, por último Os estaleiros de Outes, polo investigador e escritor outense Xan F. García Suárez. 
Realizouse tamén, no cemiterio de Sabardes, un acto de homenaxe ao mariñeiro orixinario de Catasueiro, Manuel Otero, no 70 aniversario da súa morte durante o Desembarco de Normandía.
E, finalmente, culminou esta muiñada, coa botadura de ambas embarcacións, acto ao que asitiron o Presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Manuel G. Sendón, o alcalde de Outes, Carlos L. Crespo e a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Fernández, que pronunciaron unhas palabras de ánimo a iniciativas como a nosa. Pola súa parte, Xesús Mato, portavoz da nosa Asociación, ademais de agradecer á Consellería a doación, fixo un chamamento aos veciños de Outes a participar na utilización e disfrute de ámbolos dous barcos. A continuación, as madriñas, unha a propia Directora Xeral e outra, a moza freixana Antía Martínez, en representación do voluntariado que fixo posible o Encontro celebrado o ano pasado neste mesmo porto, procederon a bautizar con viño galego cadansúa embarcación, de nome Támara, a primeira, e Langaño, a segunda, mentres o grupo de Pandereteiras do Freixo, animou musicalmente o acontecemento, tralo cal ambas naves emprenderon a súa singradura, que desexamos sexa longa e feliz.




Logo Terra de Outes

Terra de Outes

Local social parroquia de Outes, s/n. C.P. 15239, Outes (A Coruña)
Tlf:  (+34) 634 416 574